Saturday 18 de May de 2024

O Concello amplía a oferta de instalacións deportivas de Novo Mesoiro coa apertura da nova pista de patinaxe


Inés Rey: “Esta nova superficie contribuirá a dinamizar o barrio atraendo afeccionados”

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, asistiu esta mañá á apertura da pista de patinaxe de Novo Mesoiro, unha nova instalación deportiva executada polo Concello. Esta pista conta coas medidas precisas para ser apta de cara á celebración de probas e competicións deportivas oficiais.

Os traballos contaron cun orzamento de 191.419 euros. A nova pista de patinaxe sitúase moi próxima ao polideportivo municipal de Novo Mesoiro e ao campo de fútbol da Fundación Johan Cruyff. Conta con 2.600 metros cadrados de superficie, que incrementarán e mellorarán as dotacións deportivas do barrio, que conta coa media de idade máis baixa entre os dez distritos que compoñen a cidade.

A pista de patinaxe de Novo Mesoiro, que ten unha lonxitude de corda interior de 125 metros e unha rúa de cinco metros de ancho, é un recinto ao aire libre que se suma aos equipamentos e servizos xa existentes no barrio para dar servizo aos residentes. “Esta será a primeira pista de patinaxe na Coruña con esas dimensións e contribuirá a dinamizar o barrio atraendo a afeccionados de outros puntos da cidade”, apuntou Inés Rey.

A pista de patinaxe responde ao compromiso da alcaldesa coa posta en marcha de novas instalacións deportivas, así como coa mellora das xa existentes. Hai unha semana, a rexedora presidiu a apertura do novo rocódromo municipal de Riazor, unha instalación á vangarda en Galicia nesta disciplina. “O rocódromo e esta nova pista de patinaxe amplían as instalacións municipais para deportes non maioritarios como a patinaxe e a escalada.Amosamos así o noso compromiso co tecido deportivo da cidade e cos seus barrios”, sinalou Inés Rey.

A alcaldesa estivo acompañada por Mónica Martínez, concelleira de Deportes, e representantes da asociación de veciños de Novo Mesoiro, que asistiron a unha exhibición de patinaxe. Este sábado 17 de decembro haberá outra exhibición de patinaxe de velocidade, ás 11.00 horas, cos clubs coruñeses Alquimia e Galicia Rollers.